Friday 10 de May de 2024

A Academia Galega de Seguridade Pública pechou o ano 2014 impartindo máis de 300 cursos e 8.500 horas lectivas


O director da Agasp, Luis Menor, destacou en rolda de prensa “a aposta clara da Xunta na formación dos profesionais das emerxencias e da seguridade pública”

O director da Academia Galega de Seguridade Pública, Luis Menor, ofreceu unha rolda de prensa na que fixo balance das actividades da Academia durante o ano 2014, no que se ofertaron 333 cursos e 9.187 prazas e se impartiron 8.513 horas de formación en seguridade e emerxencias.

Segundo explicou o director, estas cifras demostran “a aposta clara da Xunta na formación dos profesionais das emerxencias e da seguridade pública en Galicia”, así como o interese que espertan as actividades entre o alumnado. A este respecto, destacou que a Agasp recibiu máis de 23.000 solicitudes para participar nas súas actividades formativas.

Menor destacou que o ano pasado foi o primeiro cuxo plan de formación de seguridade pública foi deseñado en base ás peticións dos propios axentes, a través dunha enquisa web. Grazas a isto, incluíu cursos totalmente novidosos como os de técnicas de tiro policial para a protección de persoas, criminoloxía viaria ou intervención policial en desigualdade, centrada en estranxeiros, menores, vítimas de violencia de xénero ou persoas con trastornos mentais.

En 2014 realizouse a 9ª promoción da policía local e a 4ª de oficiais deste corpo; e levouse a cabo unha xornada de convivencia e traballo de mandos, na que se deron cita os xefes de máis de 40 concellos galegos que incidiron na necesidade de aumentar a súa coordinación e o establecemento de normas e protocolos de actuación conxuntos.

Ademais, o ano pasado a Academia retomou a súa colaboración co Instituto de Criminoloxía da USC, para que os alumnos do practicum poidan facer uso das instalacións e os laboratorios do centro estradense e afondar en materias como o estudo das pegadas dactilares, elementos balísticos, escrituras manuscritas ou detección de documentos falsificados.

En canto á formación de emerxencias, o ano pasado realizáronse máis de 20 edicións do curso básico de protección civil -o que denota que o voluntariado non deixa de medrar- e numerosas edicións de cursos en materias fundamentais para este colectivo, como poden ser a condución, as novas tecnoloxías ou o socorrismo, nos que colabora a Consellería de Traballo e Benestar.

Ao longo do ano a Agasp tamén realizou xornadas de ámbito xeral e de gran repercusión, entre as que destacan as de intervención en emerxencias por accidentes ferroviarios, resposta á contaminación mariña accidental, xestión de seguridade nos centros históricos ou as xornadas informáticas sobre as cualificacións profesionais no ámbito das emerxencias.

Este ano renóvanse a metade dos cursos
Despois de facer balance do ano pasado, o director destacou que este exercicio a Agasp renova en case o 50 por cento o seu plan de formación e continúa dando prioridade aos contidos prácticos de máis axuda no día a día de policías locais e autonómicos, servizos de emerxencias municipais e supramunicipais (GES), bombeiros e membros de protección civil.

Por iso, este ano vaise incidir na especialización dos axentes en materias que lle son propias directamente e na perspectiva social do traballo policial en materias sensibles como violencia de xénero, onde se cambia por completo os roles desta formación, pasando a primar o trato a vítima e os aspectos psicolóxicos do maltrato.

Tamén se vai formar aos policías na detección de condutas predelitivas de menores, atendendo ás peticións feitas polos colexios oficiais de psicoloxía e traballo social. Darase máis importancia á función preventiva dos axentes e se porá o acento naquelas condutas que a pesar de non constituír delitos poidan ser indicadoras da súa comisión no futuro.

Precisamente, hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria xeral dos cursos dirixidos á policía local galega durante o primeiro semestre do ano e que xa darán comezo no mes de febreiro. En total haberá 49 cursos, máis de 1.100 prazas e 1.000 horas lectivas de formación (máis información aquí).

Especialización e reciclaxe
Pola súa banda, no eido de emerxencias potenciarase a especialización dos responsables de protección civil e na realización de cursos de actualización para mandos e voluntarios, atendendo a unha petición das propias asociacións.Tamén se ampliará o curso básico de protección civil, engadindo novos contidos e aumentando as clases prácticas.

No relativo á formación de bombeiros e dos GES, introdúcense os itinerarios formativos para a obtención da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento e realizaranse dous cursos de formación inicial para bombeiros, cun total de 800 horas de formación.